Páginas del blog Ría de Ribadeo

AMIGOS

martes, 29 de enero de 2013

Día Mundial dos Humidais na ría de Ribadeo



A Convención sobre os Humidais de Importancia Internacional, chamada Convención Ramsar, é un tratado intergubernamental que serve de marco para as accións nacionais e a cooperación internacional en pro da conservación e do uso racional dos humidais e dos seus recursos. 

O tratado adoptouse na cidade iraní de Ramsar –de aí o seu nome-, en 1971, entrando en vigor en 1975. É o único tratado mundial relativo ó medio ambiente que se ocupa dun tipo de ecosistema en particular, e os países membros da Convención abarcan tódalas rexións xeográficas do planeta. 

A ría de Ribadeo entrou a formar parte desta exclusiva lista de humidais internacionais o 4 de outubro de 1994. Desde aquela data ata hoxe, teñen cambiado moitas cousas neste humidal compartido por Galicia e Asturias. Desgraciadamente, a man do home ten que ver moi negativamente nestes cambios, posto que como consecuencia das súas actuacións (constante ampliación de instalacións portuarias, verquidos, actividades de acuicultura...) pouco a pouco a ría foi degradándose, perdendo moitos dos seus valores. Pero de pouco serve mirar ó pasado, e o que temos que procurar entre todos, é que o enorme valor que aínda hoxe conserva a ría, non se perda, se non pola contra, mellore e se amplíe. Para iso é moi importante a concienciación da poboación local, que xa ten evitado en tempos recentes novas agresións á ría, e que coa súa actitude e mobilización, pode seguir evitándoas. 

A celebración do Día Mundial dos Humidais ten lugar ó longo de todo o mundo, con milleiros de actividades de participación cidadá que teñen como fin a promoción e difusión de importantes valores de conservación dos humidais, fonte de riqueza e biodiversidade. Desde Ribadeo, tódolos participantes nesta xornada, unímonos á defensa destes valores, e comprometémonos a respectar e coidar o medio que nos rodea, aportando o noso graíño de area para a súa defensa.

Este é o programa de actividades previsto, que finalmente, e debido á gran demanda de prazas para a ruta pola ría, terá lugar en dous días.

Sábado 2 de febreiro

  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Para asistir, é imprescindible reservar praza con antelación, acudindo á Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.
  • 18:30: Conferencia de Antonio Sandoval Rey, quen nos falará sobre a importancia da ría de Ribadeo para as aves, e nos presentará o seu último libro "¿Para qué sirven las aves?". O acto terá lugar na Casa das Letras.

Domingo 3 de febreiro

  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Información e reservas na Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada